Friday 17 de May de 2024

Fene aproba 600.000 euros en proxectos de mellora viaria e saneamento


O Pleno extraordinario deste xoves votou a distribución do POS+ provincial, que tamén dedicará outros 208.000 euros a gasto corrente e preto de 73.000 a reforzar o financiamento do gasto social

Hoxe venres remata o prazo para que os municipios da Coruña lle acheguen á Deputación a relación de investimentos que se acollerán ao POS+ 2022 e tamén ao Plan Adicional 01/2022 dirixido a actuacións de tipo social. O sumatorio dos importes propostos supera os 881.000 euros, que se dedicarán nun 68% a melloras na rede viaria e de saneamento, nun 23% a cubrir parte do gasto corrente municipal -subministracións enerxéticas e doutro tipo- e nun 9% a reforzar economicamente o apartado social, que en Fene se aproxima a 1,3 millóns de euros anuais. Tanto os proxectos de infraestruturas como o destino doutros fondos provinciais sometéronse a votación nun pleno extraordinario celebrado este xoves. A distribución saiu adiante cos votos favorables de BNG, PSOE e EU, mentres que o PP optou pola abstención.

En canto a infraestruturas, o Concello de Fene acordou presentarlle á Deputación da Coruña seis proxectos por valor de 600.677,06 euros. Catro deles financiaranse cos importes fixos xa asignados, mentres que os outros dous se incluíron no chamado Plan Complementario, cuxo financiamento deberá agardar a que o ente provincial habilite novas partidas económicas para levalos a cabo.

Así, a relación de obras céntrase na súa maioría en continuar mellorando a rede viaria municipal, concretamente na reparación do camiño de Mundín; a do eixo que enlaza a estrada de San Marcos e o campo de fútbol de Perlío (pasando polos Carballás); o arranxo da pista do Castelo -que tamén levará saneamento e abastecemento- e da que vai desde alí até a igrexa de Santa Baia de Limodre; o aglomerado da zona da Garita e da rúa Beiramar, en Maniños e, pechando o apartado de estradas, o acondicionamento do Camiño da Rúa, actualmente de terra, que conecta a CP-3501 coa Rúa do Forno (un dos principais accesos ao polígono do Vilar do Colo).

Con cargo ao POS+ 2022, o Concello tamén incluiu a solicitude de apoio económico para seguir ampliando o saneamento municipal, cun proxecto que prevé conectar á rede unha vintena de vivendas da zona do Feal, en Magalofes.

Gasto corrente e investimento social
Do total de fondos comprometidos pola Deputación, o Concello dedicará 208.260,62 euros a financiar gasto corrente, principalmente consumos enerxéticos das instalacións municipais e do alumeado público, limpeza e recollida do lixo, etc.

Ademais, no pleno celebrado este xoves tamén se lle deu o visto e prace ao Plan Adicional 01/2022, coñecido comunmente como “POS Social”, que se dirixe exclusivamente a colaborar cos concellos na cobertura de gastos sociais extraordinarios. A Fene correspondéronlle por este concepto un total de 72.891,21 euros que o Executivo local encadrou na ampliación do Servizo de Axuda a Domicilio en todas as súas modalidades.